Sunday 12 de May de 2024

O Concello e a Agrupación Veciñal de San Mateo organizaron unha nova edición da Festa dos callos


A alcaldesa, Marián Ferreiro, e José Manuel López, secretario da Agrupación Veciñal de San Mateo, presentaron esta mañá a programación da Festa dos callos que se celebrará o día 14 de maio na citada parroquia. A rexedora local explicou que se instalará un toldo nas inmediacións do local social baixo o que se servirán, a partir das 13.00 horas, as racións de callos. As persoas que desexen asistir poderán adquirir os tickets a partir das 12.00 horas aproximadamente, a un prezo de 8 euros que, a maiores dos callos, inclúe unha cunca de barro, pan e bebida.
López explicou que dende que se iniciou esta celebración na parroquia sempre é a mesma persoa a que cociña os callos, unha veciña de San Mateo e avanzou que se servirán medio milleiro de racións, unha cifra similar á de anos anteriores. Así mesmo, indicou que para amenizar a xornada haberá música en vivo.

Pola súa banda, a alcaldesa destacou a tradición desta festa gastronómica, iniciada no ano 2010 e celebrada ininterrompidamente salvo o período da pandemia da Covid-19. Ferreiro valorou tamén o traballo realizado dende a Agrupación Veciñal de San Mateo e polas persoas que participan no obradoiro de cerámica que se imparte en San Mateo e que de xeito totalmente altruista realizaron as cuncas de cerámica nas que se servirán os callos e que se poderán levar os comensais para as súas casas.
Tanto dende o Concello como da Agrupación Veciñal de San Mateo animaron ás veciñas e veciños de Narón e comarca a achegarse o día 14 a este evento para desfrutar dunha xornada gastronómica e de lecer.